Axudas alugueiro establecementos lecer nocturno

Prazo de presentación: Ata o 27/11/2020

O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras da concesión de subvencións para contribuír a sufragar os gastos de alugamento dos establecementos de lecer nocturno da Comunidade Autónoma de Galicia, durante o período en que permaneceron pechados en aplicación da Orde do 15 de agosto de 2020, da Consellería de Sanidade, e proceder á súa convocatoria para o ano 2020.

 

Beneficiarios

Poderán ser beneficiarios destas axudas as persoas físicas e xurídicas que exerzan, a título de arrendatario, a explotación económica dun establecemento de lecer nocturno, que sexan titulares dun contrato de alugamento, e resulten afectados pola paralización desta como consecuencia das medidas adoptadas para a prevención e contención da evolución do brote de COVID-19.

Para estes efectos, entenderanse por establecementos de lecer nocturno as discotecas, pubs, cafés-espectáculo e salas de festas, de conformidade coa definición que destes establecementos se prevé no punto III.2.7 do anexo único do Decreto 124/2019, do 5 de setembro, polo que se aproba o catálogo de espectáculos públicos, actividades recreativas e establecementos abertos ao público da Comunidade Autónoma de Galicia.

Asemade, incluiranse as salas de concertos que desenvolvan as súas actividades de forma análoga aos anteriores, de conformidade coa definición deste establecemento contida no apartado III.2.4.5 do anexo único do Decreto 124/2019, do 5 de setembro, e todos aqueles que non teñan o seu título habilitante adaptado ás tipoloxías anteriores pero que poidan ser asimilables tendo en conta a actividade que desenvolvan, consonte o disposto nas definicións especificadas no Decreto 124/2019, do 5 de setembro.

Para estes efectos, os establecementos que aínda teñan a consideración de café-concerto, café-teatro, café-cantante e tablao flamenco estarían encadrados no catálogo aprobado polo Decreto 124/2019, do 5 de setembro, como cafés-espectáculo.

Do mesmo xeito, os establecementos que aínda teñan a consideración de cafés categoría especial e karaokes estarían encadrados no catálogo aprobado polo Decreto 124/2019, do 5 de setembro, como pub.

 

Obrigas dos beneficiarios

Sen prexuízo das demais obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, as persoas beneficiarias das axudas concedidas ao abeiro desta orde quedan obrigadas a:

a) Cumprir o obxectivo que fundamenta a concesión das subvencións.

b) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento da finalidade da subvención.

c) Destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidos, segundo o estipulado no artigo 41 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

d) Comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións e axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou ente, tanto público como privado. En especial, declarará por escrito calquera outra axuda temporal relativa aos mesmos custos subvencionables que, en aplicación dos marcos nacionais temporais I e II ou en aplicación do Marco temporal comunitario, recibise durante o exercicio fiscal en curso.

e) Consentir expresamente a inclusión dos datos relevantes da subvención nos rexistros públicos que proceda, conforme a disposición adicional do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o exercicio 2006, e o artigo 16 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

f) Someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar o órgano concedente, ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coa subvención concedida, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

g) Proceder ao reintegro, total ou parcial, das cantidades percibidas, se as houber, xunto cos xuros de demora correspondentes, segundo o procedemento establecido no artigo 38 da Lei de subvencións de Galicia, nos seguintes supostos:

– Incumprimento das condicións establecidas para a concesión da subvención.

– Incumprimento da obriga de xustificar a subvención nos termos establecidos no artigo 14 desta orde.

– En todo caso, será reintegrado o financiamento público polo importe pagado da subvención que supere o custo final xustificado.

– Incumprimento da obriga de manter a actividade durante un ano posterior ao momento en que se permita a apertura total dos establecementos.

– Incumprimento das obrigas establecidas nos artigos 11 e 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como nos supostos establecidos no artigo 33 desta mesma lei e/ou calquera outro que resulte da normativa aplicable.

 

Requisitos

a) Seren titulares do alugamento dun establecemento de lecer nocturno que se atope pechado como consecuencia directa da aplicación da Orde da Consellería de Sanidade do 15 de agosto de 2020, con excepción da zona de terrazas, consonte o disposto na Orde da Consellería de Sanidade do 10 de setembro de 2020.

b) Que os seus contratos de alugamento estean en vigor desde o mes de xaneiro de 2020 e permanezan vixentes durante o ano posterior á data en que se permita a reapertura dos ditos establecementos, co compromiso de mantemento da actividade durante o dito prazo.

c) Non encontrarse en ningunha das circunstancias e prohibicións establecidas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estar incursa en ningunha delas realizarase mediante declaración responsable da persoa interesada.

d) Non tratarse de empresas ou autónomos que estivesen en crise o 31 de decembro de 2019.

 

Máis información: Sede electrónica Xunta de Galicia