ORDE do 17 de febreiro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras do II Plan de rescate das persoas traballadoras autónomas e das microempresas afectadas pola crise da COVID-19, mediante o Programa I de persoas traballadoras autónomas.

 

CAPÍTULO I
Disposicións xerais

 

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas cales se rexerá a convocatoria pública de axudas para as persoas traballadoras autónomas de Galicia do II Plan de rescate das persoas traballadoras autónomas e das microempresas afectadas pola crise da COVID-19 a través de dous programas:

Programa I de apoio ás persoas traballadoras autónomas (TR500A).

Programa II de apoio a microempresas para o mantemento do emprego e da actividade económica (TR500B).

2. Por medio desta orde procédese á súa convocatoria para o ano 2021.

 

Artigo 3. Subvencións concedidas baixo o Marco nacional temporal

1. A axuda global que unha empresa poida percibir ao abeiro do Marco nacional temporal I e ao do Marco temporal relativo ás medidas de axuda estatal destinadas a apoiar a economía no contexto do actual gromo de COVID-19, recollido na Comunicación da Comisión Europea, do 19 de marzo de 2020 (2020/C 91 I/01) (DOUE do 20 de marzo de 2020), e as súas posteriores modificacións, en forma de subvencións directas, vantaxes fiscais e de pagamento ou outras formas, como anticipos reembolsables, garantías, préstamos e capital, todas elas antes de impostos e outras retencións, non poderá superar no exercicio fiscal en curso os 800.000 €.

No caso de que a empresa pertenza aos sectores da pesca e a acuicultura, o límite de contía de axuda e de axuda global por empresa previsto no punto anterior será de 120.000 € e, no caso de que a empresa pertenza ao sector da produción primaria de produtos agrícolas, de 100.000 €.

2. As axudas suxeitas a este réxime poderán concederse a empresas e autónomos que non estaban en crise e/ou a empresas e autónomos que non estaban en crise (a teor do disposto no artigo 2, punto 18, do Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión (Regulamento xeral de exención por categorías) en 31 de decembro de 2019, o que se acreditará mediante declaración responsable.

 

Artigo 4. Principios de xestión

A xestión dos programas de subvencións previstos nesta orde realizarase de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Consellería de Emprego e Igualdade.

c) Eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

 

Artigo 6. Orzamentos

1. A concesión das subvencións previstas nesta orde estará suxeita á existencia de crédito orzamentario e realizarase con cargo ás seguintes aplicacións orzamentarias:

 

a) Programa I. Persoas traballadoras autónomas.

A subvención regulada nesta orde para o exercicio económico de 2021 ten un orzamento de 30.000.000 € que se financiarán do seguinte xeito:

Axuda

Aplicación

Proxecto

Crédito

Axuda xeral

11.04.322C.470.8

2021 00070

25.000.000 €

Actividades especialmente paralizadas

11.04.322C.470.10

2021 00070

5.000.000 €

 

b) Programa II. Microempresas.

A subvención regulada nesta orde para o exercicio económico de 2021 ten un orzamento de 30.000.000 € que se financiarán do seguinte xeito:

Axuda

Aplicación

Proxecto

Crédito

Axuda xeral

11.04.322C.470.8

2021 00098

25.000.000 €

Actividades especialmente paralizados

11.04.322C.470.10

2021 00098

5.000.000 €

Consideraranse especialmente paralizadas aquelas actividades que tivesen un descenso de facturación do 70 % nos termos establecidos nesta orde.

2. Tendo en conta que as persoas solicitantes da axuda dos sectores especialmente paralizados, para ser beneficiarias deben cumprir tamén os requisitos para recibir a axuda xeral, de remataren os créditos da aplicación 11.04.322C.470.10, estas persoas poderán ser beneficiarias da axuda da aplicación 11.04.322C.470.8 e polos importes establecidos nos artigos 19.1 e 31.1, respectivamente.

Se hai créditos sobrantes na aplicación que financia unha das liñas de axuda, poderanse empregar no financiamento da outra liña e, de ser o caso, tamén se poderán facer redistribucións do crédito entre os programas I e II da convocatoria. Dado que o Programa I é susceptible de ser financiado polo FSE, é necesario informe favorable previo do organismo intermedio (actualmente Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos), sobre a modificación orzamentaria que corresponda.

3. A concesión das subvencións previstas nesta orde estará suxeita á existencia de crédito orzamentario.

4. Poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles para esta convocatoria. O incremento do crédito estará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou créditos incluídos no mesmo programa orzamentario, de conformidade co establecido no artigo 30 do Decreto 11/2009, do 30 de xaneiro.

 

Artigo 7. Solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible como anexo I (persoas traballadoras autónomas) e anexo II (microempresas), segundo o procedemento correspondente na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal. Deberanse cubrir, necesariamente, todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios e serán unicamente válidas as solicitudes que se presenten no modelo establecido.

2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

3. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

4. A presentación da solicitude supón a aceptación das obrigas reguladas nesta orde para ser beneficiaria da axuda, así como a aceptación da subvención de ser persoa beneficiaría dela.

5. Ao ser válida unha única solicitude por persoa ou entidade en cada un dos procedementos, no caso de que algunha persoa presente unha nova solicitude, entenderase que desiste das anteriores, salvo que xa estivesen resoltas.

 

Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas ou entidades interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

 

Artigo 10. Procedemento de concesión, instrución e tramitación

1. O procedemento de concesión dos dous programas das subvencións contidos nesta orde é non competitivo e axustarase ao disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, dado que polo obxecto e pola finalidade da subvención non resulta necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento. A concesión das axudas realizarase pola comprobación da concorrencia na persoa ou entidade solicitante dos requisitos sinalados nesta orde ata o esgotamento do crédito.

2. En aplicación dos principios de eficacia e eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos establecidos na Lei de subvencións de Galicia, e sendo unha convocatoria de subvencións en concorrencia non competitiva, as subvencións resolveranse por orde de rexistro de entrada das solicitudes presentadas. Non obstante, naqueles supostos en que se lles requira aos solicitantes a emenda de erros ou omisións na solicitude ou na documentación presentada, ou se presenten documentos posteriores, entenderase por rexistro de entrada da solicitude a data en que o dito requirimento estea correctamente atendido.

3. O órgano instrutor dos expedientes dos dous programas será a Subdirección Xeral de Emprego da Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, que realizará as actuacións necesarias para determinar a documentación presentada en virtude da cal se debe formular a proposta de resolución.

4. De conformidade co previsto no artigo 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitiranse á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

 

Artigo 13. Obrigas das persoas ou entidades beneficiarias

1. Son obrigas das persoas ou entidades beneficiarias das subvencións as sinaladas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño; en especial as seguintes:

a) Estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, con anterioridade á proposta de pagamento final da subvención.

b) Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polas beneficiarias e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

c) Dispor dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á beneficiaria en cada caso, coa finalidade de garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control.

d) Adoptar as medidas adecuadas de difusión para dar publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas pola Consellería de Emprego e Igualdade, e, no caso do Programa I, do seu financiamento polo Fondo Social Europeo como parte da resposta da Unión Europea á pandemia de COVID-19.

e) Someterse ás actuacións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Emprego e Igualdade, ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, ou a outros órganos da Administración do Estado, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

f) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e nos casos previstos nesta orde.

g) Notificar as axudas obtidas para a mesma finalidade; deberase especificar cales foron obtidas neste exercicio económico dentro do marco temporal a que se refire o artigo 3 desta orde.

h) Aqueloutras obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

 

Artigo 16. Perda do dereito ao cobramento da axuda e reintegro

1. Procederá a perda do dereito ao cobramento das axudas, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora correspondente desde o momento do pagamento da subvención ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos casos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Procederá a perda do dereito ao cobramento da subvención concedida e o seu reintegro, no suposto de non estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social, así como de ter pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, con anterioridade a ditarse a proposta de pagamento final da subvención.

Igualmente, procederá a perda do dereito ao cobramento da subvención concedida e o reintegro das cantidades percibidas, no suposto de que o beneficiario non se poña ao día no cumprimento das súas obrigacións tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social, así como de ter pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, no prazo de quince (15) días naturais desde que percibise o anticipo a que se refire o artigo 18.6.2ª.

3. Procederá, así mesmo, a perda do dereito ao cobramento da subvención concedida e o seu reintegro, no suposto de non manter a alta no RETA ou no réxime de traballadores do mar como persoas traballadoras por conta propia durante dous (2) meses, no caso do Programa de persoas traballadoras autónomas, e a actividade económica e o emprego durante os seis (6) meses posteriores á publicación desta orde de axudas, no caso do Programa de microempresas.

4. A obtención da axuda falseando as condicións requiridas ou ocultando aquelas que o impedisen dará lugar á perda do dereito ao cobramento da súa totalidade e ao seu reintegro. Esta circunstancia é constitutiva dunha infracción moi grave segundo o artigo 56.a) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e pódense impoñer as sancións, recollidas no artigo 61.1 da mesma lei, de multa pecuniaria proporcional do dobre ao triplo da cantidade indebidamente obtida.

5. Procederá o reintegro do exceso percibido máis xuros de demora, sen prexuízo das sancións que poidan corresponder, no caso de incumprimento da obriga de comunicar con antelación, no caso do Programa I, ao órgano concedente, a obtención doutras axudas compatibles.

6. Procederá o reintegro do 5 % da axuda concedida, no caso do incumprimento da obriga de comunicar con antelación, no caso do Programa I, ao órgano concedente, a solicitude doutras axudas compatibles.

7. A obriga de reintegro establecida nos parágrafos anteriores enténdese sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social, e na Lei 9/2007, do 13 de xuño.

 

CAPÍTULO II
Programa I. Persoas traballadoras autónomas (código de procedemento TR500A)

 

Artigo 17. Obxecto e finalidade das bases reguladoras do Programa I

1. Estas bases teñen por obxecto fixar os criterios e requisitos para a concesión de axudas do Programa de rescate das persoas traballadoras autónomas, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. A finalidade deste programa é a concesión dunha axuda económica ás persoas traballadoras autónomas, para faceren fronte á situación económica motivada pola pandemia da COVID-19, que contribúa ao mantemento da actividade económica e do emprego.

3. Nesta convocatoria incorpórase o establecemento de métodos de custos simplificados conforme o disposto no artigo 14 do Regulamento (UE) 1304/2013, modificado polo Regulamento (UE, Euratom) 2018/1046 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo de 2018: «as normas xerais aplicables ás opcións de custos simplificados a título do FSE establécense nos artigos 67, 68, 68.bis e 68.ter do Regulamento (UE) 1303/2013».

 

Artigo 18. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das axudas reguladas nesta orde todas as persoas traballadoras autónomas de alta no RETA ou no réxime de traballadores do mar como persoas traballadoras por conta propia e que teñan o domicilio fiscal en Galicia, incluídos os autónomos societarios que teñan unha alta anterior ao 30.3.2020 e que acrediten unha baixada de facturación de, polo menos, o 45 % nos termos establecidos no artigo 19.3.
2. As persoas autónomas societarias, que estean de alta no RETA ou no réxime de traballadores do mar con data anterior ao 30.3.2020 e indiquen no anexo I unha empresa da cal sexan societarios cunha porcentaxe de participación mínima do 25 %, e que cumpra os requisitos de baixada de facturación.
3. Tamén poderán ser beneficiarias as persoas traballadoras autónomas de tempada, sempre que acrediten que, aínda que non estean de alta no momento da presentación da súa solicitude, estivesen de alta un mínimo de catro meses e máximo de nove meses, en cada un dos anos 2018 e 2019.
4. Unicamente se pode presentar unha solicitude por persoa física.

5. Entenderase como actividade especialmente paralizada aquela que tivese unha baixada de facturación igual ou superior ao 70 %.
6. Dada a natureza extraordinaria tanto das actuacións subvencionables destas bases reguladoras como da situación de estado de alarma e emerxencia sanitaria da cal derivan e que provocou que a maior parte de persoas autónomas e empresas solicitasen aprazamento
das súas obrigas tributarias, fronte á Seguridade Social ou á Administración da Comunidade Autónoma, ou mesmo non poidan afrontar transitoriamente a súa satisfacción puntual, de acordo co establecido no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións
de Galicia, exímense as persoas beneficiarias desta subvención do requisito de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social ou fronte á Administración pública da Comunidade Autónoma, no momento da concesión da axuda e
do pagamento do anticipo concedido, sempre que se dean as seguintes circunstancias, que deberán acreditarse mediante a declaración responsable que figura como anexo I na presente orde:

1º. Que o conxunto das débedas tributarias, coa Seguridade Social e coa Administración pública da Comunidade Autónoma, da persoa beneficiaria, teñan un importe inferior ao do anticipo que lle corresponda, pola axuda solicitada.
2º. Que a persoa beneficiaria se obrigue a estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias, fronte á Seguridade Social, coa Administración pública da Comunidade Autónoma ou respecto das débedas pola procedencia de reintegro, no prazo de quince (15) días naturais contados a partir do día en que recibise o anticipo. No caso contrario, perderá o dereito ao cobramento total ou parcial da subvención e deberá proceder ao reintegro do anticipo.

7. Non poderán ter a condición de beneficiarias as empresas en que concorra algunha do resto das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

8. Para maior información, poden chamar ao teléfono 900 81 56 00 ou na web www.oficinadoautonomo.gal.

 

Artigo 19. Importe das axudas

1. As axudas concederanse polos seguintes importes:

a) 1.200 € para as persoas que acrediten unha baixada de facturación entre o 45 % e o 60 %.

b) 2.000 € para as persoas que acrediten unha baixada de facturación de máis dun 60 % e de menos do 70 %.
c) 3.000 € para as persoas que acrediten unha baixada de facturación igual ou superior ao 70 %.

2. Para as persoas autónomas de tempada, os importes da axuda serán o 50 % das cantidades indicadas no punto anterior.3. A baixada de facturación calcularase de xeito xeral comparando os datos de facturación anual de 2020 cos de 2019.

Excepcionalmente, considéranse outros parámetros para os seguintes supostos:

a) Persoas autónomas de tempada: a baixada de facturación calcularase comparando a media mensual dos meses que estivo de alta no ano 2019 coa facturación media dos meses que estivo de alta no ano 2020, polo que, se non estivo de alta durante o ano 2020, xa se considera como actividade especialmente paralizada en canto ao volume de facturación.
b) Para as altas ou empresas creadas ao longo do ano 2019, a baixada de facturación calcularase comparando a facturación media mensual dos meses con actividade do ano 2019 coa facturación media dos meses do ano 2020.
c) Para as altas ou empresas creadas desde o 1.1.2020 ao 31.3.2020, a baixada de facturación calcularase comparando a facturación media mensual dos meses con actividade do primeiro trimestre do ano 2020 coa media mensual dos tres trimestres restantes do ano 2020.

 

4. A baixada de facturación acreditarase con calquera das seguintes modalidades:

– Estimación directa: mediante a declaración de IVE anual (modelo 390) dos anos 2019 e 2020 ou declaracións trimestrais de IVE (modelos 303), declaración trimestral do IRPF (modelo 130) do IV trimestre do ano 2019 co IV trimestre do ano 2020.

– No caso de que as persoas ou entidades solicitantes tributen no réxime de estimación obxectiva ou módulos, a diminución de facturación establecida no artigo 18 deberase acreditar coas copias, referidas aos períodos de comparación, do libro de facturas emitidas e recibidas, ou libro diario de ingresos e gastos, ou libro rexistro de vendas e ingresos, ou o libro de compras e gastos, ou calquera outra forma admitida en dereito para acreditar a diminución na facturación, como poden ser, entre outros e tendo en conta a actividade económica, a presentación de descenso de consumo de enerxía eléctrica, copia do rexistro de caixa ou cobramentos e pagamentos por TPV, ou calquera outro medio, dos anos 2019 e 2020.

5. O método de xustificación empregado será o de custos simplificados, sumas a tanto global, conforme o disposto no artigo 67.1.c) do Regulamento (UE) 1303/2013, modificado polo Regulamento (UE, Euratom) 2018/1046.

 

Artigo 20. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes desde o día seguinte á data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, cumprindo o disposto no artigo 29 do Regulamento da Lei 9/2001, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que establece un
período mínimo dun mes, ou ben ata o esgotamento do crédito.

 

Artigo 21. Solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible como anexo I na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal. Deberanse cubrir, necesariamente, todos os campos do formulario
establecidos como obrigatorios.

No modelo de solicitude vén recollida unha declaración responsable da persoa solicitante, de obrigatorio cumprimento, onde manifestará:

– Que está de alta no réxime da Seguridade Social correspondente (no RETA ou traballadores por conta propia do réxime de traballadores do mar) ou que é unha persoa autónoma de tempada.
– Que ten o domicilio fiscal en Galicia.
– A baixada de facturación.
– Que non está incursa en ningunha das circunstancias que prohiben obter a condición de persoa beneficiaria segundo o establecido nesta orde.

– Declaración de calquera outra axuda temporal relativa aos mesmos gastos subvencionables que, en aplicación do Marco nacional temporal ou en aplicación da Comunicación da Comisión Marco Temporal relativos ás medidas de axuda estatal destinadas a apoiar
a economía no contexto do actual gromo de COVID-19, recibise durante o exercicio fiscal en curso.
– O cumprimento do requisito de tratarse de empresas ou persoas autónomas que non están en crise e/ou empresas ou persoas autónomas que non estaban en crise en 31 de decembro de 2019.
– Que son veraces todos os datos reflectidos nesta declaración responsable.

2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que foi realizada a emenda.

3. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e chave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

4. A presentación da solicitude supón a aceptación das obrigas reguladas nesta orde para ser beneficiarias da axuda, así como a aceptación da subvención de ser persoa beneficiaría dela.

 

Artigo 22. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Cando se actúe mediante representación, deberá achegarse o modelo de representación segundo o modelo normalizado da sede electrónica asinado dixitalmente, ou calquera outro válido en dereito.

b) Documentación acreditativa da baixada de facturación, con algúns dos seguintes modelos:

– Modelo 390 dos anos 2019 e 2020.
– Modelo 303 dos anos 2019 e 2020.
– Modelo 130 IV trimestre dos anos 2019 e 2020.
– Outros documentos.

c) No caso de persoa autónoma societaria, documentación que acredite a participación da persoa solicitante na entidade indicada no anexo I.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitárselle á persoa interesada a súa achega.
2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
3. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica.
Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que foi realizada a emenda.
4. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira
motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

6. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

 

Artigo 25. Resolución e recursos

1. A resolución de concesión da subvención comprenderá a identificación do beneficiario, a contía da subvención e as obrigas que correspondan á persoa beneficiaria, e a aprobación ou denegación do anticipo solicitado.

A aprobación do anticipo solicitado, que en ningún caso será superior os 14.400 €, comporta o inicio inmediato dos trámites para o seu pagamento.

2. No caso de terse concedido o anticipo, o beneficiario disporá do prazo de 15 días naturais desde o seu pagamento para pórse ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social ou que teña pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, debendo presentar os correspondentes xustificantes para a acreditación de tal aspecto no caso de que se opoña á súa consulta.

O feito de non atoparse ao día das referidas débedas non impedirá que adquira a condición de beneficiario e perciba o pagamento do anticipo concedido, en consonancia coa excepción establecida do artigo 18.6 desta orde.

3. A resolución de concesión emitirase atendendo ás manifestacións contidas nas declaracións responsables recollidas no formulario de solicitude, subscritas pola persoa que as realiza, baixo a súa responsabilidade e coas repercusións que ten a súa falsidade reguladas na Lei 9/2007, de subvencións de Galicia. O cumprimento dos requisitos exixidos será obxecto de comprobación con posterioridade á resolución da concesión.

Tendo en conta que os requisitos para ser persoa beneficiaria desta axuda deben cumprirse antes da presentación da solicitude e que os compromisos asumidos pola persoa beneficiaria se recollen na presente orde no artigo 21, non é necesaria a aceptación expresa ou tácita da resolución regulada no artigo 21.5 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, ao terse aceptado coa presentación da solicitude.

4. O prazo máximo para resolver e notificar é dun mes, que se computará desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o devandito prazo sen que se ditase resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude, de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei de subvencións de Galicia.

5. Na notificación da resolución da subvención comunicarase á persoa beneficiaria que a axuda é susceptible de ser financiada con Fondo Social Europeo como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da COVID-19, e a aceptación da subvención implicará a súa aparición na lista pública cos nomes das persoas beneficiarias, así como outra información recollida no anexo XII (modificado polo Regulamento (UE; Euratom) 2018/1046 e polo Regulamento (UE) 2020/2221) en relación co artigo 115.2 do Regulamento (UE) 1303/2013. Así mesmo, na resolución de concesión que se notifique ás persoas beneficiarias estableceranse as condicións da axuda derivadas da aceptación da subvención a que quedan sometidas as persoas beneficiarias, en especial os requisitos específicos relativos, se é o caso, aos produtos ou servizos que deban obterse con ela, o plan financeiro e o prazo de execución.

6. As persoas interesadas teñen dereito a que non se fagan públicos os seus datos cando concorra algunha das causas previstas na letra d) do número 2 do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

7. Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que poidan ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco da presente convocatoria poderá poñer os ditos feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude da Intervención Xeral da Administración do Estado, por medios electrónicos a través da canle habilitada para o efecto http://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/planificacion-e-fondos/periodo-comunitario-2014-2020/medidas-antifraude/snca-olaf, e nos termos establecidos na Comunicación 1/2017, do 3 de abril, do citado servizo.

8. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe formular, con carácter potestativo, recurso de reposición, no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada, de conformidade coa Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou interpoñer recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa, de acordo co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

9. No suposto de que, de ser o caso, se esgote o crédito, e de acordo co disposto no artigo 31.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social publicarase o esgotamento das partidas orzamentarias asignadas no Diario Oficial de Galicia co texto íntegro da resolución denegatoria por esgotamento de crédito, con indicación de que a dita resolución esgota a vía administrativa e contra ela cabe interpor recurso contencioso-administrativo ou poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición de acordo co disposto no número 5 deste artigo.

 

Artigo 26. Forma de pagamento

1. O aboamento das subvencións realizarase do seguinte xeito:

a) Se se comproba o cumprimento de todos os requisitos establecidos na presente orde para o seu pagamento, o importe será do 100 %.

b) No caso de declarar, no anexo I, non estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, e ter pendentes débedas coa comunidade autónoma:

– O 80 % da contía, tras a resolución de concesión, sen que en ningún caso este importe poida ser superior a 14.400€. Este pagamento terá o carácter de pagamento anticipado.

– O 20 % restante, unha vez comprobado que está ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social, así como coa Administración pública da comunidade autónoma.

2. Nos supostos de pagamento anticipado, os beneficiarios estarán exentos de constituír garantías, de conformidade co establecido no artigo 65.4.i) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

 

Artigo 27. Obrigas específicas das persoas beneficiarias do programa I

Son obrigas das persoas beneficiarias das subvencións, ademais das recollidas con carácter xeral no artigo 13, as seguintes:

a) As persoas traballadoras autónomas beneficiarias da axuda deben manter a alta no RETA ou no réxime de traballadores do mar como traballadoras por conta propia durante un tempo mínimo de dous meses desde a publicación desta orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

b) Presentar os indicadores de resultado inmediatos a que se refire o anexo I do Regulamento (UE) núm. 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de setembro de 2013, modificado polo Regulamento (UE, Euratom) núm. 2018/1046, a través da aplicación Participa 1420 ou segundo o modelo que estará á súa disposición na páxina web da Consellería de Emprego e Igualdade, referidos ao momento do cumprimento dos prazos de mantemento da condición de persoa traballadora a que alude a alínea a) deste artigo. A Administración poderá requirir a actualización destes datos seis meses despois de que finalicen os citados períodos de mantemento da actividade, coa finalidade de formalizar os indicadores de resultado a longo prazo descritos no antedito regulamento.

c) Facilitar a información necesaria relativa ao desenvolvemento da actividade, que permita dar cumprimento aos requisitos de información a través de indicadores de produtividade e resultados enumerados no artigo 5 do Regulamento (UE) nº 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, relativo ao Fondo Social Europeo.

d) Cumprir coas medidas de comunicación e información establecidas no anexo XII do Regulamento (UE) nº 1303/2013, do 17 de decembro de 2013, modificado polo Regulamento (UE, Euratom) núm. 2018/1046 e polo Regulamento (UE) 2020/2221.

e) Informar a persoa beneficiaria, no caso de ser unha entidade xurídica, de que a aceptación da axuda comunitaria do Fondo Social Europeo implicará a súa aparición na lista pública cos nomes das persoas beneficiarias, das operacións e da cantidade de fondos públicos asignada a cada operación, así como outra información prevista no anexo XII, modificado polo Regulamento (UE, Euratom) núm. 2018/1046 e polo Regulamento (UE) 2020/2221, en relación co artigo 115.2 do Regulamento (UE) 1303/2013.

f) Manter unha pista de auditoría suficiente, manter de forma separada na contabilidade o ingreso da axuda percibida e conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, durante os dous anos seguintes á certificación dos gastos á Comisión Europea, de conformidade co artigo 140.1 do Regulamento (UE) 1303/2013, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control. O comezo dese prazo será oportunamente comunicado pola Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos.

g) Someterse ás actuacións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Emprego e Igualdade, ás verificacións que poidan realizar os organismos implicados na xestión ou seguimento do FSE, que incorporarán as correspondentes visitas sobre o terreo, ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, ou a outros órganos da Administración do Estado ou da Unión Europea, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

 

Artigo 28. Incompatibilidades e concorrencia

1. As axudas previstas nesta orde serán compatibles coas demais axudas que poidan outorgar as administracións públicas, sempre e cando se respecten os límites establecidos no Marco temporal.

2. As persoas beneficiarias teñen a obriga de comunicar ao órgano concedente a solicitude e concesión doutras a xudas para a mesma finalidade.

 

Consulta as bases reguladoras completas  do II Plan de rescate das persoas traballadoras autónomas e das microempresas afectadas pola crise da COVID-19, mediante o Programa I de persoas traballadoras autónomas (TR500A), susceptible de ser financiado parcialmente polo Fondo Social Europeo (FSE), e o Programa II de microempresas (TR500B), e se procede á súa convocatoria para o ano 2021.