ORDE do 17 de febreiro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras do II Plan de rescate das persoas traballadoras autónomas e das microempresas afectadas pola crise da COVID-19, mediante o  Programa II de microempresas (TR500B)

 

CAPÍTULO I
Disposicións xerais

 

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas cales se rexerá a convocatoria pública de axudas para as persoas traballadoras autónomas de Galicia do II Plan de rescate das persoas traballadoras autónomas e das microempresas afectadas pola crise da COVID-19 a través de dous programas:

Programa I de apoio ás persoas traballadoras autónomas (TR500A).

Programa II de apoio a microempresas para o mantemento do emprego e da actividade económica (TR500B).

2. Por medio desta orde procédese á súa convocatoria para o ano 2021.

 

Artigo 3. Subvencións concedidas baixo o Marco nacional temporal

1. A axuda global que unha empresa poida percibir ao abeiro do Marco nacional temporal I e ao do Marco temporal relativo ás medidas de axuda estatal destinadas a apoiar a economía no contexto do actual gromo de COVID-19, recollido na Comunicación da Comisión Europea, do 19 de marzo de 2020 (2020/C 91 I/01) (DOUE do 20 de marzo de 2020), e as súas posteriores modificacións, en forma de subvencións directas, vantaxes fiscais e de pagamento ou outras formas, como anticipos reembolsables, garantías, préstamos e capital, todas elas antes de impostos e outras retencións, non poderá superar no exercicio fiscal en curso os 800.000 €.

No caso de que a empresa pertenza aos sectores da pesca e a acuicultura, o límite de contía de axuda e de axuda global por empresa previsto no punto anterior será de 120.000 € e, no caso de que a empresa pertenza ao sector da produción primaria de produtos agrícolas, de 100.000 €.

2. As axudas suxeitas a este réxime poderán concederse a empresas e autónomos que non estaban en crise e/ou a empresas e autónomos que non estaban en crise (a teor do disposto no artigo 2, punto 18, do Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión (Regulamento xeral de exención por categorías) en 31 de decembro de 2019, o que se acreditará mediante declaración responsable.

 

Artigo 4. Principios de xestión

A xestión dos programas de subvencións previstos nesta orde realizarase de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Consellería de Emprego e Igualdade.

c) Eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

 

Artigo 6. Orzamentos

1. A concesión das subvencións previstas nesta orde estará suxeita á existencia de crédito orzamentario e realizarase con cargo ás seguintes aplicacións orzamentarias:

 

a) Programa I. Persoas traballadoras autónomas.

A subvención regulada nesta orde para o exercicio económico de 2021 ten un orzamento de 30.000.000 € que se financiarán do seguinte xeito:

Axuda

Aplicación

Proxecto

Crédito

Axuda xeral

11.04.322C.470.8

2021 00070

25.000.000 €

Actividades especialmente paralizadas

11.04.322C.470.10

2021 00070

5.000.000 €

 

b) Programa II. Microempresas.

A subvención regulada nesta orde para o exercicio económico de 2021 ten un orzamento de 30.000.000 € que se financiarán do seguinte xeito:

Axuda

Aplicación

Proxecto

Crédito

Axuda xeral

11.04.322C.470.8

2021 00098

25.000.000 €

Actividades especialmente paralizados

11.04.322C.470.10

2021 00098

5.000.000 €

Consideraranse especialmente paralizadas aquelas actividades que tivesen un descenso de facturación do 70 % nos termos establecidos nesta orde.

2. Tendo en conta que as persoas solicitantes da axuda dos sectores especialmente paralizados, para ser beneficiarias deben cumprir tamén os requisitos para recibir a axuda xeral, de remataren os créditos da aplicación 11.04.322C.470.10, estas persoas poderán ser beneficiarias da axuda da aplicación 11.04.322C.470.8 e polos importes establecidos nos artigos 19.1 e 31.1, respectivamente.

Se hai créditos sobrantes na aplicación que financia unha das liñas de axuda, poderanse empregar no financiamento da outra liña e, de ser o caso, tamén se poderán facer redistribucións do crédito entre os programas I e II da convocatoria. Dado que o Programa I é susceptible de ser financiado polo FSE, é necesario informe favorable previo do organismo intermedio (actualmente Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos), sobre a modificación orzamentaria que corresponda.

3. A concesión das subvencións previstas nesta orde estará suxeita á existencia de crédito orzamentario.

4. Poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles para esta convocatoria. O incremento do crédito estará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou créditos incluídos no mesmo programa orzamentario, de conformidade co establecido no artigo 30 do Decreto 11/2009, do 30 de xaneiro.

 

Artigo 7. Solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible como anexo I (persoas traballadoras autónomas) e anexo II (microempresas), segundo o procedemento correspondente na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal. Deberanse cubrir, necesariamente, todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios e serán unicamente válidas as solicitudes que se presenten no modelo establecido.

2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

3. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

4. A presentación da solicitude supón a aceptación das obrigas reguladas nesta orde para ser beneficiaria da axuda, así como a aceptación da subvención de ser persoa beneficiaría dela.

5. Ao ser válida unha única solicitude por persoa ou entidade en cada un dos procedementos, no caso de que algunha persoa presente unha nova solicitude, entenderase que desiste das anteriores, salvo que xa estivesen resoltas.

 

Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas ou entidades interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

 

Artigo 10. Procedemento de concesión, instrución e tramitación

1. O procedemento de concesión dos dous programas das subvencións contidos nesta orde é non competitivo e axustarase ao disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, dado que polo obxecto e pola finalidade da subvención non resulta necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento. A concesión das axudas realizarase pola comprobación da concorrencia na persoa ou entidade solicitante dos requisitos sinalados nesta orde ata o esgotamento do crédito.

2. En aplicación dos principios de eficacia e eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos establecidos na Lei de subvencións de Galicia, e sendo unha convocatoria de subvencións en concorrencia non competitiva, as subvencións resolveranse por orde de rexistro de entrada das solicitudes presentadas. Non obstante, naqueles supostos en que se lles requira aos solicitantes a emenda de erros ou omisións na solicitude ou na documentación presentada, ou se presenten documentos posteriores, entenderase por rexistro de entrada da solicitude a data en que o dito requirimento estea correctamente atendido.

3. O órgano instrutor dos expedientes dos dous programas será a Subdirección Xeral de Emprego da Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, que realizará as actuacións necesarias para determinar a documentación presentada en virtude da cal se debe formular a proposta de resolución.

4. De conformidade co previsto no artigo 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitiranse á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

 

Artigo 13. Obrigas das persoas ou entidades beneficiarias

1. Son obrigas das persoas ou entidades beneficiarias das subvencións as sinaladas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño; en especial as seguintes:

a) Estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, con anterioridade á proposta de pagamento final da subvención.

b) Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polas beneficiarias e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

c) Dispor dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á beneficiaria en cada caso, coa finalidade de garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control.

d) Adoptar as medidas adecuadas de difusión para dar publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas pola Consellería de Emprego e Igualdade, e, no caso do Programa I, do seu financiamento polo Fondo Social Europeo como parte da resposta da Unión Europea á pandemia de COVID-19.

e) Someterse ás actuacións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Emprego e Igualdade, ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, ou a outros órganos da Administración do Estado, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

f) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e nos casos previstos nesta orde.

g) Notificar as axudas obtidas para a mesma finalidade; deberase especificar cales foron obtidas neste exercicio económico dentro do marco temporal a que se refire o artigo 3 desta orde.

h) Aqueloutras obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

 

Artigo 16. Perda do dereito ao cobramento da axuda e reintegro

1. Procederá a perda do dereito ao cobramento das axudas, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora correspondente desde o momento do pagamento da subvención ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos casos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Procederá a perda do dereito ao cobramento da subvención concedida e o seu reintegro, no suposto de non estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social, así como de ter pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, con anterioridade a ditarse a proposta de pagamento final da subvención.

Igualmente, procederá a perda do dereito ao cobramento da subvención concedida e o reintegro das cantidades percibidas, no suposto de que o beneficiario non se poña ao día no cumprimento das súas obrigacións tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social, así como de ter pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, no prazo de quince (15) días naturais desde que percibise o anticipo a que se refire o artigo 18.6.2ª.

3. Procederá, así mesmo, a perda do dereito ao cobramento da subvención concedida e o seu reintegro, no suposto de non manter a alta no RETA ou no réxime de traballadores do mar como persoas traballadoras por conta propia durante dous (2) meses, no caso do Programa de persoas traballadoras autónomas, e a actividade económica e o emprego durante os seis (6) meses posteriores á publicación desta orde de axudas, no caso do Programa de microempresas.

4. A obtención da axuda falseando as condicións requiridas ou ocultando aquelas que o impedisen dará lugar á perda do dereito ao cobramento da súa totalidade e ao seu reintegro. Esta circunstancia é constitutiva dunha infracción moi grave segundo o artigo 56.a) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e pódense impoñer as sancións, recollidas no artigo 61.1 da mesma lei, de multa pecuniaria proporcional do dobre ao triplo da cantidade indebidamente obtida.

5. Procederá o reintegro do exceso percibido máis xuros de demora, sen prexuízo das sancións que poidan corresponder, no caso de incumprimento da obriga de comunicar con antelación, no caso do Programa I, ao órgano concedente, a obtención doutras axudas compatibles.

6. Procederá o reintegro do 5 % da axuda concedida, no caso do incumprimento da obriga de comunicar con antelación, no caso do Programa I, ao órgano concedente, a solicitude doutras axudas compatibles.

7. A obriga de reintegro establecida nos parágrafos anteriores enténdese sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social, e na Lei 9/2007, do 13 de xuño.

 

CAPÍTULO III

Programa II. Microempresas (código de procedemento TR500B)

 

Artigo 29. Obxectivo e finalidade das bases reguladoras do programa II

Estas bases teñen por obxecto fixar os criterios e requisitos para apoiar o mantemento do emprego e a actividade económica das microempresas e das persoas traballadoras autónomas, sempre que teñan persoal contratado por conta allea ao seu cargo no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, que tivesen unha baixada de facturación de, polo menos, o 45 %.

Excepcionalmente, poderán ser beneficiarias as empresas que teñan ata 25 persoas traballadoras e o volume de facturación non sexa superior a dous millón de euros no último ano en que se presentasen contas e acrediten un descenso de facturación superior ao 60 %. No caso das pemes pertencentes ao canal de distribución Horeca, o volume de facturación elevarase ata os cinco millóns de euros.

 

Artigo 30. Persoas ou entidades beneficiarias

1. As persoas ou entidades beneficiarias serán as persoas traballadoras autónomas, as microempresas e, excepcionalmente, as pemes conforme o indicado no artigo anterior, sempre que teñan persoal contratado por conta allea ao seu cargo e que tivesen unha baixada de facturación de, polo menos, o 45 %.

As persoas o entidades beneficiarias deberán cumprir todos e cada un destes requisitos:

– Ter domicilio fiscal en Galicia.

– Que a facturación baixase polo menos a cantidade indicada na epígrafe anterior no ano 2020 segundo o cálculo definido no artigo 31.

2. Entenderase como actividade especialmente paralizada aquela que tivese un descenso de facturación igual ou superior ao 70 %.

3. Dada a natureza extraordinaria, tanto das actuacións subvencionables destas bases reguladoras como da situación de estado de alarma e emerxencia sanitaria de que derivan e que provocou que a maior parte de persoas autónomas e empresas solicitasen aprazamento das súas obrigas tributarias, fronte á Seguridade Social ou á Administración da Comunidade Autónoma, ou mesmo non poidan afrontar transitoriamente a súa satisfacción puntual, de acordo co establecido no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, exímense as persoas beneficiarias desta subvención do requisito de atoparse ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social ou fronte á Administración pública da Comunidade Autónoma, no momento da concesión da axuda e do pagamento do anticipo concedido, sempre que se dean as seguintes circunstancias, que deberán acreditarse mediante a declaración responsable que figura como anexo II na presente orde:

1º. Que o conxunto das débedas tributarias, coa Seguridade Social e coa Administración pública da Comunidade Autónoma, da persoa beneficiaria, teñan un importe inferior ao do anticipo que lle corresponda, pola axuda solicitada.

2º. Que a persoa beneficiaria se obrigue a poñerse ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias, fronte á Seguridade Social, coa Administración pública da Comunidade Autónoma ou respecto das débedas pola procedencia de reintegro, no prazo de 15 días naturais contando a partir do día en que recibise o anticipo, perdendo o dereito ao cobramento total ou parcial da subvención e debendo proceder ao reintegro do anticipo no caso contrario.

Para maior información poden chamar ao teléfono 900 81 56 00 ou na web
www.oficinadoautonomo.gal.

 

Artigo 31. Importes das axudas

1. As axudas concederanse polos seguintes importes:

a) 4.000 € para as persoas ou entidades que acrediten unha baixada de facturación de entre o 45 % e o 60 %.

b) 5.000 € para as persoas ou entidades que acrediten unha baixada de facturación de máis dun 60 % e de menos do 70 %.

c) 6.000 € para as persoas ou entidades que acrediten unha baixada de facturación igual ou superior ao 70 %.

2. A baixada de facturación calcularase de xeito xeral comparando os datos de facturación anual de 2019 cos do ano 2020.

Excepcionalmente, prevense outros parámetros para os seguintes supostos:

a) Para as altas ou empresas creadas ao longo do ano 2019, a baixada de facturación calcularase comparando a facturación media mensual dos meses con actividade do ano 2019 coa facturación media dos meses do ano 2020.

b) Para as altas o empresas creadas desde o 1.1.2020 ao 31.3.2020, a baixada de facturación calcularse comparando a facturación media mensual dos meses con actividade do primeiro trimestre do ano 2020 coa media mensual dos tres trimestres restantes do ano 2020.

3. A dita cantidade incrementarase ata 3.000 € en función do número de persoas traballadoras por conta allea que teñan no momento da publicación da orde, segundo a seguinte escala:

a) 1.000 € se teñen de 4 a 9 persoas traballadoras.

b) 2.000 € se teñen de 10 a 20 persoas traballadoras.

c) 3.000 € se teñen de 21 a 25 persoas traballadoras.

4. A baixada de facturación acreditarase con calquera das seguintes modalidades:

– Estimación directa: mediante a declaración de IVE anual (modelo 390) dos anos 2019 e 2020 ou declaracións trimestrais de IVE (modelos 303), declaración trimestral do IRPF (modelo 130) do IV trimestre do ano 2019 co IV trimestre do ano 2020.

– No caso de que as persoas ou entidades solicitantes tributen no réxime de estimación obxectiva ou módulos a diminución de facturación establecida no artigo 18, deberase acreditar coas copias, referidas aos períodos de comparación, do libro de facturas emitidas e recibidas ou libro diario de ingresos e gastos ou libro rexistro de vendas e ingresos ou o libro de compras e gastos ou calquera outra forma admitida en dereito para acreditar a diminución na facturación. Como poden ser, entre outros e tendo en conta a actividade económica, a presentación de descenso de consumo de enerxía eléctrica, copia do rexistro de caixa ou cobramentos e pagamentos por TPV ou calquera outro medio dos anos 2019 e 2020.

 

Artigo 32. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes desde o día seguinte á data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, cumprindo o disposto no artigo 29 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, que establece un período mínimo dun mes.

 

Artigo 33. Solicitudes de subvención do programa II

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible como anexo II na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal. Deberase cubrir, necesariamente, todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios.

Na solicitude vén recollida unha declaración responsable de obrigatorio cumprimento onde se declare:

– O número de persoas contratadas por conta allea.

– Que ten o domicilio fiscal en Galicia.

– Que cumpre todos os requisitos sinalados para ser beneficiaria da axuda establecida nesta orde no artigo 31.

– Que non está incursa en ningunha das circunstancias que prohiben obter a condición de beneficiaria segundo o establecido nesta orde.

– Calquera outra axuda temporal relativa aos mesmos gastos subvencionables que, en aplicación do Marco nacional temporal ou en aplicación da Comunicación da Comisión Marco Temporal relativos ás medidas de axuda estatal destinadas a apoiar a economía no contexto do actual gromo da COVID-19, recibise durante o exercicio fiscal en curso.

– O cumprimento do requisito de tratarse de empresas ou persoas autónomas que non están en crise e/ou empresas ou persoas autónomas que non estaban en crise en 31 de decembro de 2019.

– Que son veraces todos os datos reflectidos nesta declaración responsable.

2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que foi realizada a emenda.

3. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e chave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

4. A presentación da solicitude supón a aceptación das obrigas reguladas nesta orde para ser beneficiaria da axuda, así como a aceptación da subvención de ser persoa beneficiaria dela.

 

Artigo 34. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Cando se actúe mediante representación, deberá achegarse o modelo de representación segundo o modelo normalizado da sede electrónica asinado dixitalmente, ou calquera outro válido en dereito.

b) Documentación acreditativa da baixada de facturación, con algúns dos seguintes modelos:

– Modelo 390 dos anos 2019 e 2020.

– Modelo 303 dos anos 2019 e 2020.

– Modelo 130 IV trimestre anos 2019 e 2020.

– Outros documentos.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitárselle á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

3. Se algunha das persoas ou entidades interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que foi realizada a emenda.

4. As persoas ou entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

6. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

 

Artigo 35. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa solicitante.

b) NIF da entidade solicitante.

c) DNI/NIE ou NIF da persoa ou entidade representante, de ser o caso.

d) Certificación de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Seguridade Social.

e) Certificación de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

f) Certificación de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.

g) Certificado de domicilio fiscal.

h) Informe de vida laboral do código conta cotización dos meses de mantemento do emprego.

i) Consulta do imposto de actividades económicas.

j) Consulta de inhabilitación para obter subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas ou entidades interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

 

Artigo 36. Emenda das solicitudes

As unidades administrativas receptoras remitirán as solicitudes recibidas á unidade administrativa encargada da instrución do expediente para que comprobe se a solicitude ou documentación presentada reúne os requisitos exixidos nesta orde e, no suposto de que se observe algún defecto ou sexa incompleta a documentación, de conformidade co disposto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, requirirán a persoa ou entidade interesada para que nun prazo de 10 días hábiles emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se así non o fixer, se considerará a persoa ou entidade interesada desistida da súa petición, logo da resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da antedita lei.

 

Artigo 38. Forma de pagamento

1. O aboamento das subvencións realizarase do seguinte xeito:

a) Se se comproba o cumprimento de todos os requisitos establecidos na presente orde para o seu pagamento, o importe será do 100 %.

b) No caso de declarar, no anexo II, non estar ao día do cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, e ter pendentes débedas coa comunidade autónoma:

– O 80 % da contía, tras a resolución de concesión, sen que en ningún caso este importe poida ser superior a 14.400 €. Este pagamento terá o carácter de pagamento anticipado.

– O 20 % restante, unha vez comprobado que está ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social, así como coa Administración pública da comunidade autónoma.

2. Nos supostos de pagamento anticipado, os beneficiarios estarán exentos de constituír garantías, de conformidade co establecido no artigo 65.4.i) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

3. O cumprimento dos requisitos acreditarase na solicitude mediante a declaración responsable da persoa beneficiaria, emitida baixo a súa responsabilidade, e sen prexuízo da comprobación do seu cumprimento con posterioridade á resolución de concesión.

 

Artigo 39. Obrigas específicas das persoas ou entidades beneficiarias deste programa

1. As persoas beneficiarias deberán manter a actividade económica e o emprego durante 6 meses desde a data de publicación no Diario Oficial de Galicia desta orde de axudas.

Non se considerará incumprido o devandito compromiso cando o contrato de traballo se extinga por despedimento disciplinario declarado como procedente, dimisión, morte, xubilación ou incapacidade permanente total, absoluta ou grande invalidez da persoa traballadora, nin pola fin do chamamento das persoas con contrato fixo-descontinuo, cando este non supoña un despedimento senón unha interrupción del. En particular, no caso de contratos temporais, o compromiso de mantemento do emprego non se entenderá incumprido cando o contrato se extinga por expiración do tempo convido ou a realización da obra ou servizo que constitúe o seu obxecto ou cando non poida realizarse de forma inmediata a actividade obxecto de contratación.

2. Para a xustificación do mantemento de emprego da obriga da epígrafe anterior deste artigo á persoa ou entidade solicitante comprobarase mediante o informe de vida laboral de código conta cotización que comprenda o período do mes da solicitude e dos seis meses de mantemento do emprego, unha vez cumprido este.

 

Artigo 40. Incompatibilidades e concorrencia

As axudas previstas nesta orde serán compatibles coa axuda do programa I e demais axudas que poidan outorgar as administracións públicas co límite establecido no Marco temporal.

 

Disposición adicional. Delegación de competencias

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Emprego e Igualdade na persoa titular da Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social para resolver a concesión ou denegación das subvencións previstas nesta orde, para autorizar, dispor, recoñecer a obriga e propor os correspondentes pagamentos, así como para resolver os procedementos de reintegro das subvencións indebidamente percibidas polas persoas beneficiarias, respecto das resolucións de concesión destas ditadas por delegación da persoa titular da consellería.

 

Disposición derradeira primeira. Facultade de desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde e das súas convocatorias anuais.