Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para a innovación e reactivación do sector económico e comercial do Concello de Pontevedra, dirixidas a persoas traballadoras autónomas, microempresas e entidades de economía social.

A finalidade destas axudas é financiar os investimentos para a modernización, mellora, adaptación e dixitalización dos locais e establecementos comerciais de Pontevedra, complementado o conxunto de medidas de fomento adoptadas polas diferentes Administracións Públicas, sendo compatible con todas elas.

 

1ª.) FINALIDADE E OBXECTO

1.- As presentes bases regulan o procedemento para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, destinadas a financiar a innovación, modernización e reactivación do sector económico, comercial e empresarial do Concello de Pontevedra, coa finalidade de paliar as consecuencias da crise provocada pola COVID-19.

As subvencións previstas nestas bases teñen por obxecto fomentar accións de modernización e mellora de locais, centros de traballo e establecementos empresariais e comerciais de Pontevedra con atención directa ao público, que tivesen suspendida a súa actividade como consecuencia do Real Decreto 463/2020, de 14 de marzo, polo que se declarou o estado de alarma.

 

2.- Os obxectivos e finalidades que se pretenden acadar co establecemento da subvención son os seguintes:

a) Paliar as consecuencias da declaración do estado de alarma, acordada polo Goberno no Real Decreto 463/2020, no termo municipal de Pontevedra, minimizando o seu impacto económico.

b) Preservar o tecido profesional e da pequena empresa de Pontevedra, obrigado ao peche dos seus establecementos, ao tratarse de actividades non esenciais e polo tanto, afectadas polas limitacións establecidas pola declaración del estado de alarma, contribuíndo a que se produza o antes posible a reactivación da economía local.

c) Protexer o interese xeral da cidadanía de Pontevedra, dando soporte ás persoas traballadoras autónomas e microempresas afectadas pola crise da COVID-19, que son na súa maioría comercios, actividades e establecementos de proximidade que teñen un forte impacto no tecido económico produtivo da cidade.

 

2ª.) RÉXIME XURÍDICO

A concesión destas axudas rexerase pola Lei 38/2003 do 17 de novembro, xeral de subvencións e o Real Decreto 887/2006, de 21 de xullo, polo que se aprobou o seu regulamento, nos seus preceptos básicos, pola a lexislación básica do estado en materia de réxime local, pola Lei 9/2007, de 13 de xuño de subvencións de Galicia, polos preceptos non básicos da Lei 38/2003 e do RD 887/2006, polo disposto na Ordenanza xeral reguladora das subvencións do Concello de Pontevedra, polas bases reguladoras que se conteñen na presente convocatoria, polas Bases de Execución dos vixentes orzamentos municipais e polas restantes normas de dereito administrativo, e no seu defecto, as normas de dereito privado.

 

3ª.) APLICACIÓN ORZAMENTARIA E CONTÍA DA SUBVENCIÓN

A contribución económica do Concello efectuarase ata o límite da aplicación orzamentaria 01.431.0-770.01, cun crédito inicial de 1.250.000 euros no exercicio 2020.

A contía máxima de cada axuda será de 5.000 euros por solicitude.

Non se poderán outorgar subvencións por contía superior á que se determine na presente convocatoria, salvo que se realice unha nova convocatoria ou se produza un incremento de créditos derivados dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, ao abeiro do disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007.

A subvención que se outorgue será compatible con outras axudas ou subvencións de entes públicos ou privados, tendo en conta que, en ningún caso, o importe da axuda económica outorgada será de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas recibidas doutras administracións públicas ou entes públicos ou privados, supere o custo total da actividade que constitúe o obxecto destas bases.

Debido ás especiais razóns de interese público e social que concorren na presente axuda, a porcentaxe subvencionable poderá chegar ata o 70% do custe da actuación ou proxecto.

 

4ª.) BENEFICIARIAS

1.- Poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas e entidades comprendidas nalgunha das seguintes categorías:

a) Microempresas que empreguen a menos de 10 persoas e cun volume negocios anual que non superen os dous millóns de euros, segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014.

b) As seguintes entidades da economía social que ocupen a menos de dez persoas: sociedades cooperativas galegas, sociedades laborais, empresas de inserción e centros especiais de emprego. Estas entidades deben cumprir coa definición de microempresa establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014.

c) Persoas traballadoras autónomas.

2.- As beneficiarias deberán de reunir os seguintes requisitos:

a) Ter o seu domicilio social e fiscal no Concello de Pontevedra e desenvolver a súa actividade económica nun local, establecemento ou centro de traballo determinado aberto ao público e con atención directa a este.

b) Que a súa actividade comercial, empresarial ou profesional exercida mediante a apertura ao público de locais, establecementos ou centros de traballo estivese suspendida a consecuencia do Real Decreto 463/2020, de 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada pola COVID-19.

c) Que teñan o título habilitante necesario para exercer a súa actividade económica, comercial, ou profesional no local ou establecemento no que se realizarán os investimentos obxecto da subvención (licenza de apertura, declaración responsable ou comunicación previa).

d) Que estean dados de alta no Imposto de Actividades Económicas.

3.- Consonte co disposto na Lei 38/2003, de 17 de novembro, xeral de subvencións, as beneficiarias deberán atoparse ao corrente das súas obrigas fiscais co Concello de Pontevedra, coas facendas Públicas (estatal e autonómica) e coa Seguridade Social; deben cumprir as obrigas do artigo 11 da dita Lei 38/2003, non poden estar incursas en ningunha das prohibicións para recibir subvencións enumeradas no artigo 13 da mesma norma e non poden ter pendente de xustificación ningunha subvención co Concello de Pontevedra.

4.- A mesma persoa ou entidade solicitante só poderá ser beneficiaria dunha axuda, aínda que teña máis dun establecemento aberto ao público.

 

5ª.) ACTUACIÓNS E GASTOS SUBVENCIONABLES

1.- Serán subvencionables os investimentos dirixidos á modernización, mellora, adaptación e dixitalización dos negocios e/ou das actividades económicas, comerciais e profesionais do Concello de Pontevedra aos que vai dirixida a subvención.

Só se subvencionarán os gastos de investimento realizados nos locais, establecementos comerciais ou centros de traballo executados entre o 14/03/2020 e o 31/12/2020, e que se materialicen nas seguintes actuacións:

a) Actuacións de dixitalización e de implementación de tecnoloxías dixitais: adquisición de equipamentos para procesos informáticos, adquisición de ordenadores e demais conxuntos electrónicos de comunicacións e de procesos de datos, adquisición de hardwares e/ou aplicacións informáticas para a mellora e modernización da xestión comercial, e outros gastos semellantes.

b) Actuacións para a mellora na accesibilidade exterior e interior dos locais, establecementos ou centros de traballo nos que se exerza a actividade económica, comercial ou profesional, tales como as obras de mellora de acceso aos locais, obras para a mellora da accesibilidade interior, acondicionamento acústico, adaptación de aseos, etc.

c) Actuacións de renovación, embelecemento e ornato dos locais, establecementos ou centros de traballo nos que se exerza a actividade económica, comercial ou profesional; incluiranse neste apartado as obras e investimentos para o acondicionamento de escaparates, renovación e mellora da rotulación e sinaléctica, obras para o embelecemento e ornato de fachadas, investimentos e adquisición de equipamentos para a mellora da imaxe comercial.

d) Actuacións para a redución do consumo de enerxía e mellora da eficiencia enerxética. Poderán incluírse nesta categoría os investimentos para a mellora da eficiencia enerxética dos sistemas de climatización, electricidade, iluminación, adaptación á reciclaxe, entre outros.

e) Outras actuacións necesarias para a mellora da actividade: entrarán nesta categoría a adquisición de mobiliario e os peches de protección de escaparates (que non estean destinados ao embelecemento e ornato dos locais).

2.- Quedan excluídos da subvención os gastos correntes en bens, servizos e subministracións e os investimentos e gastos que non estean directamente relacionados e vinculados coa finalidade do proxecto ou actuación establecida nesta convocatoria.

3.- Non será subvencionable o IVE nin outros impostos recuperables, polo que todas as referencias contidas nestas bases ao orzamento e contía das actuacións subvencionadas refírense a importes sen IVE. Tampouco se considerarán gastos subvencionables os tributos satisfeitos ao Concello de Pontevedra.

4.- O orzamento máximo das actuacións para as que solicita subvención será de 12.000€, sen IVE. Non se subvencionarán proxectos nin actuacións cuxo custe sexa inferior aos 500€.

 

7ª) CONTÍA DA SUBVENCIÓN

A contía da subvención será o importe resultante de restar ao total do orzamento, sen ive, da actuación o financiamento propio da beneficiaria e o acadado con outras axudas ou subvencións de entes públicos ou privados, co límite de 5.000,00 euros.

 

8ª.) SOLICITUDES, DOCUMENTACIÓN E PRAZO DE PRESENTACIÓN

1. As solicitudes tramitaranse en réxime de concorrencia competitiva e a concesión das subvencións realizarase mediante a comparación das solicitudes presentadas a fin de establecer unha prelación entre as mesmas, en función dos criterios de avaliación recollidos na base sexta e conforme aos principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade, non discriminación, eficacia e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

2. A solicitude presentarase por medios electrónicos a través do formulario normalizado que se obterá de xeito obrigatorio na sede electrónica do Concello de Pontevedra (https://sede.pontevedra.gal/).

Será necesario que quen presente a solicitude teña a representación legal da entidade ou persoa solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de xeito que coa súa sinatura abonde para acreditar a vontade da solicitante.

No caso de que as solicitantes non dispoñan dos medios electrónicos necesarios para relacionarse electronicamente coa Administración, o Concello de Pontevedra prestaralles a debida asistencia, poñendo á súa disposición os medios necesarios para tal finalidade.

3. O prazo de presentación de solicitudes será de 15 días naturais a contar dende o día seguinte á publicación no BOP do extracto da convocatoria da subvención, que será comunicada ao BOP pola Base de Datos Nacional de Subvencións, nos termos e cos requisitos establecidos no art. 20 da Lei 38/2003, xeral de subvencións.

Xunto co formulario normalizado de solicitude, achegarase a seguinte documentación:

1. Se a solicitante é persoa xurídica: copia do documento de constitución da empresa e, de ser o caso, documentación acreditativa da representatividade suficiente para actuar en nome da entidade de quen asina a solicitude.
2. Certificado de alta no imposto de actividades económicas (IAE) da entidade solicitante, ou documento equivalente.
3. Alta no réxime da Seguridade Social ou certificado da mutualidade do colexio profesional correspondente das persoas promotoras que creen o seu propio posto de traballo.
4. Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa AEAT.
5. Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.
6. Certificado de estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda.
O órgano instrutor do procedemento xestionará de oficio a acreditación de estaren ao corrente coas obrigas fiscais co Concello de Pontevedra.
As deficiencias no expediente de solicitude e as omisións nos documentos obrigatorios deberán emendarse previo requirimento no prazo de 5 días dende a data da notificación, na que se indicará que se non se fixera terase por desistido da súa petición, sendo arquivada a solicitude previa resolución.
Os documentos necesarios para solicitar a subvención estarán dispoñibles na sede electrónica do Concello de Pontevedra.

 

12ª.) ACEPTACIÓN DA SUBVENCIÓN E OBRIGAS DAS PERSOAS BENEFICIARIAS

A subvención entenderase aceptada se dentro do prazo de 10 días á recepción da comunicación da concesión, as beneficiarias non manifestan nada en contra.

As beneficiarias das subvencións, unha vez aceptadas estas, expresa ou tacitamente, quedarán obrigadas a destinar os fondos percibidos para o obxecto concreto para os que foron concedidos, nos termos establecidos na resolución de concesión da axuda.

De acordo co establecido nos artigos 14 LXS e 11 LSG serán obrigas da beneficiaria:

1. Cumprir o obxectivo e executar a actuación ou proxecto que fundamenta a concesión da subvención. O investimento subvencionado deberá de manterse durante un tempo non inferior a un ano dende a data de concesión desta axuda, salvo cesamento por causas alleas a súa vontade e que deberá acreditar.

2. Comunicar calquera alteración das condicións de tramitación e concesión das axudas, tales coma o cese da actividade ou calquera outra modificación das condicións, compromisos e obrigas que se produzan a partir da data de presentación da solicitude da axuda, que poderán determinar a desestimación da axuda ou a modificación da resolución de concesión, logo da tramitación do procedemento que corresponda.

3. Declarar as subvencións e axudas solicitadas ou concedidas polo mesmo concepto procedentes de calquera outra administración ou entidade pública o u privada.

4. Dar publicidade da subvención concedida. A estes efectos, deberá figurar de forma visible un cartel informativo no que constará o financiamento do Concello de Pontevedra, que deberá manterse exposto ata o 31/12/2021.

5. Someterse ás actuacións de control, comprobación e inspección que se leven a cabo polo Concello de Pontevedra, a quen corresponderá a comprobación destas subvencións e facilitar a esta e á Intervención Municipal, Tribunal de Contas e Consello de Contas toda a información que reclamen no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións, para o que deberá conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos percibidos, en tanto podan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

6. Proceder ao reintegro, total ou parcial, da subvención percibida nos supostos previstos nos artigos 36 e 37 da Lei Xeral de Subvencións e 32 e 33 da Lei de Subvencións de Galicia.

7. No caso de non ser quen de realizar a actuación ou proxecto para o que se concedeu a axuda, comunicar a renuncia ao expediente solicitado no momento en que se produza a certeza da non execución e, en todo caso, sempre con anterioridade ao vencemento do prazo de execución concedido para o proxecto.

8. As demais obrigas que resulten do artigo 11 da Lei 9/2007

 

14ª.) PUBLICIDADE DAS SUBVENCIÓNS CONCEDIDAS

Estas bases reguladoras, e máis a súa concesión, publicaranse na Base de Datos Nacional de Subvencións, conforme ao establecido no artigo 20.8 apartados a) e b) da Lei 38/2003, de 17 de novembro, Xeral de Subvencións.

Ademais, en aplicación da Lei 19/2013 de 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, as bases e as subvencións concedidas, con indicación do seu importe, obxectivo ou finalidade e beneficiarios, publicaranse na sede electrónica do Concello de Pontevedra.

 

Accede a la página web oficial del Concello de Pontevedra para ver las bases completas

Accede al BOPPO número 188, martes, 29 de setembro de 2020